viernes, 11 de septiembre de 2015

martes, 18 de septiembre de 2012

Curiosamente O grupo "Pao de buxo" existe grazas a alguén que non quixo ser gaiteiro...
    Alá polo verán do ano 2002 Manolo Fidalgo estaba nun xantar co seu cuñado, integrante do grupo "Bico da Balouta" de Agolada, e este comentoulle que encargaran unha gaita de Seivane para alguén que ía aprender a tocar con eles e que finalmente se botara atrás. Manolo, que nunca tocara unha gaita na sua vida, ofreceuse para mercala... e voltou para Saídres cunha gaita de fol e unha cinta casete con varios temas gravados polo seu cuñado para ir aprendendo... Aínda resoan nos oídos dalgúns veciños os terríbeis sons que aquela gaita botou pra afora. Pero pasado o exorcismo inicial e con moitas horas de práctica aquelo comezou a soar algo.
    Un día, falando na taberna con Sabino Pérez, este suxeriulle que había que facer un grupo de gaiteiros na parroquia e buscar un profesor. Manolo falou con todos aqueles que considerou que podían estar interesados, e finalmente arredor dunha ducia de persoas mostráronse dispostas a seguir o nobre camiño da música tradicional galega.E como mestre pensou en Manuel Fernández Alén, gaiteiro de Xirandola e ex compoñente do mítico e extinto grupo "A folla revirada", con quen fixou unha reunión para o día 19 de Setembro, día da romaría da Saleta en Siador. Seguramente por ser festivo á reunión so acudiron tres persoas. Malia a todo decidiron comezar as clases e facelas tódolos mércores. Fixéronse uns estatutos para darlle personalidade xurídica ó invento (co nome xenérico "Gaiteiros de Saídres")..E houbo a ducia de asistentes...E comezaron a aprender.
    E aprendendo aprendendo chegou o día de Reis de 2003 no que se fixo a primeira actuación para o público!! Apadriñados por "Bico da Balouta" subiron ó palco do campo da festa:

    - Ás gaitas: Manolo Fidalgo, Javier Filloy, Diego Órrea, Juan Salgueiro, e o mestre Manuel Fernández Alén.
    - Ó tamboril: José Antonio García "Toño da Taberna"
    - Ó bombo: Manuel Castro "Manolo de Blanco"
    - Ás pandeiretas: Elena Areán e Adriana Rey, co apoio de Maite Casal de Xirandola.

    Despois desta primeira actuación continuaron os ensaios, mércores tras mércores, e decidiuse que había que facer uns traxes tradicionais. O obxectivo era que estiveran para estrear na festa do San Xoán, que é a festa de Saídres...E estiveron, iso si, bastante xustos de tempo pero estiveron. Previamente á festa de Saídres houbo ocasión de foguearse participando nos IV Encontros de Música tradicional en Carboeiro, cita que seguimos mantendo ó longo dos anos.
    En canto ó nome "Pao de buxo", foi adoptado no ano 2004 e superou por un estreito marxe de 1 voto a outras opcións que había (entre elas "Curro da Beria", "Os randeas de Saídres", seguir sendo "Gaiteiros de Saídres"... e outros mais que quedaron esquecidos)
    E así ata hoxe... que é 19 de Setembro, día da Saleta, coma hai 10 anos. Como en tódolos grupos algunha xente mudou. Uns marcharon e outros viñeron. A formación actual do grupo é:

    - Ás gaitas: Manolo Fidalgo, Diego Órrea, Juan Salgueiro, e Manuel Fernández Alén.
    - Ó tamboril: Xosé Luis Pájaro "Paxaro"
    - Ó bombo: José Antonio García "Toño da Taberna"
    - Ás pandeiretas: Adriana Rey, Cruz Rey.
    - Ó acordeón: Leticia López.

 E como o imos celebrar???... pois a foliada de 10º aniversario xa a fixemos, e hoxe é mércores, e como case tódolos mércores dende hai 10 anos imos facer aquelo que facemos os mércores...ensaiar e tocar!! (e se cadra tomamos algo na de Concha, que dez anos non se fan tódolos días!!!)

lunes, 13 de agosto de 2012

... xa lle explicamos ós do comité olímpico de Londres que non podíamos actuar na cerimonia de clausura dos xogos porque tiñamos outra actuación contratada. Sacámoslle unha foto para que o sr. Coe vexa que era verdade. Supoñemos que a raíz de iso tiveron que baleirar os xeriátricos británicos de tódalas súas vellas glorias para que non se notase tanto a nosa ausencia... (pero notouse ben...).





domingo, 27 de mayo de 2012

FOLIADA 10º ANIVERSARIO

Agradecementos (máis ou menos por orde de aparición): A Chus e Matías polos consellos, a Jimi polos deseños, a tódolos establecementos colaboradores (en especial a Concha), á "Carnicería Cuiña" e a Concha (si, outra vez) pola achega ó premio do concurso de aturuxos, a J. Ramón Órrea e o resto que participaron nesa obra arquitectónica (moito máis barata e moito mellor pensada que a Cidade da Cultura) que foi o toldo para acollerse, ós nosos "chicos Martini" José Valladares e Pepe Luís, ós membros do xurado (Chus, Mari Carmen de Blanco, KG, e Juanma) que aínda que non tiveron traballo estaban arremangados para entrar en faena; e finalmente, a tódolos asistentes porque sen eles o esforzo non tería pagado a pena.

Agradecementos especiais : á xente de "Bico da Balouta" de Agolada, "Gaiteiros da Pereiriña" de Martixe, "O Son da Fervenza " de Escuadro, "Ruadeiras de Loimil",e "Ponte da Prata" de Botos(Lalín); a Raimundo e a moza, que viñeron de Marín e tivémolos desatendidos (as nosas desculpas); ós bailadores e bailadoras, tanto os experimentados coma os debutantes, porque tocar góstanos moito pero tocar e que a xente baile é a de dios!!!

Agradecementos mais-que-especiais : a Sabino pola idea; á xente que fixo parte de Pao de buxo (Elena, Javier Filloy, Manolo de Blanco) ou nos botou unha man cando fixo falla (Rocío, Raquel...); ó noso mestre Manuel Fdez. Alén.; e para rematar, ás nosas mulleres, maridos, mozas, mozos, fillos, pais... por estar sempre aí.

... e despois deste responso, unhas fotiñas...

Quentando motores.

Unhas bailas. E por min que chova!!

Peligro. Ghaiteiro!!

Ghaiteiro feliz!!
...e esta porqué sae revirada??

 


...hai futuro!!




sábado, 26 de mayo de 2012

Interpretando as muiñeiras "A Barroca" e "Ribeirana" na II Xuntanza de Baile e Música Tradicional do Concello de Silleda  ( ano 2012 )


Xuntamos a muiñeira que aparece na peza "A Barroca" e maila muiñeira "Ribeirana" publicadas no disco "Muxicas" do grupo do mesmo nome. Consideramos que o grupo Muxicas é unha referencia imprescindíbel na historia da música tradicional galega. Francamente, é un gusto escoitalos (en calquera das súas etapas).

viernes, 18 de mayo de 2012






Aturuxadores e aturuxadoras : Eis o premio do concurso de aturuxos. Lembrade, mañá 19/05 a partires das sete da tarde!!!!
O noso agradecemento á Carnicería Cuíña que doou os chourizos e mais o lacón, e a Concha da Taberna de Saídres que nos regalou o queixo.
E como xurado teremos a :

  • Juan Manuel Figueiro Alfonso . Compoñente da AA.CC."O Fiadeiro" e membro da Fundación Sondeseu.
  • Alberto Granja (KG). Gaiteiro, compoñente dos desaparecidos "Froitos do Deza",e vogal da Asociación de Gaiteiros Galegos...entre outras facetas.
  • Unha dona de Saídres (que escolleremos entre as asistentes), con criterio,  para poñer algo de orde.